jueves, 17 de enero de 2008

Polémica no Concello pola Axencia de Patrimonio


O Partido Popular anunciou onte unha iniciativa para que Santiago sexa a sede da Axencia Europea de Patrimonio Cultural. O portavoz municipal, Conde Roa, e o concelleiro responsable de Cultura na oposición, Anxo Currás, explicaron que o obxectivo é mobilizar a todos os sectores sociais de Compostela.

Currás recordou tanto a refundación do Real Padroado de Santiago, como os numerosos recoñecementos recibidos polos labores de rehabilitación en Santiago, o que afirmou que o converte no lugar adecuado para acoller esta axencia europea".

"Se o goberno municipal non ten un proxecto nin ideas para a cidade, queremos demostrar que a oposición si", manifestou Conde Roa, quen anunciou que esta proposta presentarase para o seu debate en pleno, porque considera "que esta iniciativa ten a suficiente importancia como para que a asuma a Corporación, e debería estar na axenda do Consello Xacobeo".

Conde Roa manifestou que se o seu partido gaña as próximas eleccións xerais, "os nosos parlamentarios estarán plenamente entregados para conseguir esta axencia".

As principais funcións do novo servizo serían as de asesorar e asistir á Comisión Europea e aos Estados membros en materia de protección, conservación e difusión do patrimonio cultural, así como recoller, analizar e divulgar a documentación relativa ao mesmo, ademais de supervisar proxectos de intervención e elaborar plans de información.

No hay comentarios: