O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, denunciou hoxe que o PSOE desprega publicidade electoral con avionetas en praias da cidade arxentina de Mar do Prata antes do prazo estipulado para poder facer propaganda política.
O dirixente popular fixo esta afirmación a preguntas sobre o acto de onte no que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, puxo a primeira pedra dunha estrada en Santiago, tras o que o Goberno galego explicou que, ata que comece a campaña electoral, non se aplicará o código ético que evitará inauguracións en período electoral.
«Non me sorprende nada. Non só están colocando a primeira pedra, senón que están sobrevoando as praias de Arxentina facendo publicidade electoral», antes do prazo habilitado para iso, dixo Núñez Feijoo.
Xa que logo, agregou, cando o presidente da Xunta «di que non vai utilizar durante a campaña electoral este tipo de cuestións, simplemente é outro anuncio incumprido», sinalou o líder popular.
«Nunca crin que o señor Touriño non ía utilizar ao máximo os orzamentos da Xunta para facer a súa campaña electoral... só hai que ver a aparición nos medios de comunicación do Goberno» as «ocorrencias» do Executivo, como valos publicitarios nas que se le «Somos unha potencia».
No hay comentarios:
Publicar un comentario