O PPdeG realiza os últimos axustes para encaixar os nomes que encabezarán as súas candidaturas na convocatoria electoral do mes de marzo. O vindeiro mércores despexarase a dúbida sobre os número un, entre os que o ourensán Celso Delgado é o único que a estas alturas conta con todas as garantías para renovar o seu posto.
Na reunión á que onte o presidente do PPdeG convocou aos membros do comité executivo -deputados, alcaldes e representantes de Novas Xeracións- para realizar o balance político de 2007, Alberto Núñez Feijóo renovou o seu "compromiso serio" coa renovación do partido e fixou neste obxectivo "o rumbo da nosa actividade política". O líder popular presentou balance de situación e concluíu que os mellores resultados das pasadas eleccións municipais obtívoos a súa formación "alí onde houbo renovación".
Antes da visita de Mariano Rajoy a Santiago, prevista para o próximo día 26, para comezar a quentar a precampaña desde o pavillón do Sar, Feijóo abriu a carreira cara ao 9-M cun demoledor balance da xestión política do Goberno que une a socialistas e nacionalistas e contrapúxoo "con datos e datas" a unha "oposición que foi máis útil a Galicia que o propio Goberno".
O presidente do populares galegos dedicou 45 minutos a recordar os principais motivos de enfrontamento entre os socios da Xunta e a xestión do bipartito que, desde o seu punto de vista, estivo marcada por "unha perda da imaxe exterior, do rigor institucional, do poder adquisitivo, da calidade dos servizos públicos esenciais e de dereitos e liberdades".
Para Núñez Feijóo, esa é a "Galicia real" que onte daba título á súa intervención e da que culpou a un Goberno con "sombras na xestión" que, engadiu, "creou máis problemas que soluciones para Galicia".
Núñez Feijóo dedicou outros 20 minutos a presentar a súa alternativa para "devolver a ilusión" desde un PPdeG ao que ve crecido e "sólido".
O líder popular ilustrou a actividade que desenvolveron os populares cun relatorio de máis de trinta propostas sobre as que o PP desenvolveu a súa actividade política "sen necesidade de non admitir algún erro do pasado". Núñez Feijóo debullou as 32 iniciativas que presentou a oposición o pasado ano con propostas "alternativas ou de consenso" ao redor de temas como a seguridade viaria ou a violencia doméstica, entre outros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario