jueves, 27 de diciembre de 2007

Feijóo di que o PP está a favor da OPE, pero sin imposicións

O PPdeG solicitou onte unha reunión do pleno do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia para aprobar que se paguen de "forma inmediata" atrasos salariais de traballadores e a convocatoria da oferta pública de emprego (OPE) de 220 postos de traballo no ente público.
Así o anunciou onte o líder do PPdeG, Núñez Feijóo, quen asegurou que "o PP está a favor da OPE, e se queren convocar un pleno esta mañá ou esta tarde, aprobarase". No entanto, matizou, non apoiarán unha convocatoria de oposicións cuxos pormenores din descoñecer e que a dirección da CRTVG "quere impor" a todo o Consello de Administración.
Feijóo pediu aos responsables do ente que se respecte a democracia e os órganos competentes", recordando que o Consello de Administración é o máximo órgano do ente e que o 50% dos seus membros son representantes do Parlamento elixidos polo PP.
O líder do PPdeG cargou contra a dirección da compañía, argumentando que "é capaz de gravar conversacións telefónicas con altos cargos da Administración", en referencia á do ex secretario xeral de Vicepresidencia Antón Losada, "e a mesma que aproba un convenio laboral que é rexeitado pola maioría do persoal". "Vostede seguro que terá as mesmas dubidas que eu de que esa televisión moi dialogante non é", sentenciou apelando á complicidade do xornalista.
A aprobación precisa de maioría de dous terzos no consello de administración, onde os populares teñen seis representantes; o PSDEG, catro e o BNG, dous, aos que se suma o voto do director xeral, Benigno Sánchez.
Feijóo argumentou que "o único" que leva aos populares ao seu posicionamento ante a OPE é a "defensa" aos traballadores da Televisión de Galicia para que "todos sexan iguais e todos se poidan examinar coas mesmas posibilidades de éxito".
Pola súa banda, a CRTVG emprazou ao PPdeG a deixar de bloquear o proceso, pactado entre a dirección da Compañía e todos os sindicatos da empresa pública, recordando a Feijóo que no pleno extraordinario do venres teñen unha excelente oportunidade de retomar a súa postura.
O Comité Interempresas da CRTVG contactou tamén coa dirección do PPdeG e solicitou "unha xuntanza urxente" para que os populares galegos "concreten" as súas propostas en canto á OPE.

No hay comentarios: